top of page

EQUIPO

O deseño e coordinación de ‘Cara a unha escena plural’ vén da man das xestoras culturais especializadas en danza e artes vivas Sabela Mendoza e Caterina Varela. Ambas veñen desenvolvendo distintos proxectos arredor do impulso e visibilidade da comunidade da danza no noso territorio, tanto de maneira individual como colaborativa.


Coinciden xuntas en distintos proxectos como Hiperespazos: a casa fóra da casa, as xornadas sobre residencias artísticas e xestión innovadora de espazos culturais e sociocomunitarios promovidas polo Concello da Coruña en novembro 2017, no deseño de contidos e coordinación xeral encargada ao Colectivo RPM.

Dentro da Programación Expandida TRCDanza do Teatro Rosalía de Castro, coordinada dende 2014 por Caterina Varela, inclúese en 2018 o  Taller de Público(s), a liña de teoría e análise que Sabela Mendoza acompaña dende o seu nacemento.

 

No eido da acción colectiva, coinciden en numerosas causas como a Plataforma de Artes do Movemento (PAM) ou Foro Sustrato, na procura dunha acción colectiva e colaborativa entre distintos axentes do noso territorio.

SABELA MENDOZA

Xestora cultural, centra o seu traballo nas artes escénicas e na creación contemporánea, especialmente no estudo da danza e na análise de políticas culturais. Licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo, Máster en Xestión Cultural pola Universidad Carlos III e Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual pola Universidad de Castilla- La Mancha e o Museo Reina Sofía. Formada en danza clásica e contemporánea.

 

Comeza a traballar como coordinadora de proxectos culturais no 2008 en Madrid, en institucións como a Residencia de Estudiantes ou a empresa i con i, na que dirixiu o Festival Ilustratour. Como profesional independente ten traballado como curadora, asesora ou xestora con Hablar en Arte, Teatro Pradillo, Consultarte, Colectivo RPM, Proxecta ou Curtocircuíto, entre outras. Desde 2016 reside en Galicia, onde tamén colabora co coreógrafo Javier Martín e coordina o Taller de público(s) no TRC Danza. No 2016 estrea a performance ‘O público está aquí’, presentada en Madrid, Montevideo, México e Galicia, publicada como libro no 2019 (editora Estraperlo). É vicepresidenta da asociación Emprendo Danza, que reúne a máis de 80 compañías a nivel estatal. Recentemente pon en marcha De corpos presentes, plataforma galega para as artes performativas contemporáneas. Escribe sobre danza en revistas e no seu blogue acuerpodebaile.com.

CATERINA VARELA

Formada en danza, artes gráficas e visuais. Codirixe, xunto a Alexis Fernández, a compañía de danza La Macana, coa que levan creando proxectos escénicos que gozan dunha importante proxección e recoñecemento internacional dende hai máis de dez anos. O seu traballo foi premiado en distintas ocasións dentro dunha traxectoria na que manteñen vínculos profesionais con diferentes artistas, teatros e redes nacionais e internacionais.

 

É coordinadora do proxecto de Programación Expandida TRC Danza dende o ano 2014, unha iniciativa de mediación cultural e creación de públicos vinculada ao programa anual de danza do Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Forma parte do Colectivo RPM, un espazo de acción que pon o foco no desenvolvemento de proxectos para a mellora do contexto das artes vivas no territorio galego. Unha das principais liñas de traballo é o programa Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para as artes do movemento que se constrúe en diálogo con numerosos teatros da nosa contorna e que cumpre en 2020 a súa cuarta edición. Dende 2019 tamén coordina a través do Colectivo RPM a Aula de Danza da Universidade da Coruña.

 

Combina o seu facer artístico co activismo cultural, formando parte activa de numerosas causas colectivas do sector da danza e das artes vivas en Galicia.

bottom of page