GUÍA EDUCACIÓN SECUNDARIA
Aulas Vivas é unha proposta creativa de intervención nas aulas de Secundaria, que parte da danza e o movemento como vía para mellorar a motivación e inspiración do alumnado, a través dunha experiencia corporal activa. Ten como premisa fundamental a vivencia (individual e colectiva) a partir do encontro co propio corpo, propoñendo exercicios sinxelos e de curta duración que permiten crear un clima favorable e aglutinador entre o alumnado, a materia e a/o docente, a prol dunha ensinanza-aprendizaxe de calidade.
Aulas Vivas introduce tamén unha serie de artistas e obras de danza contemporánea, achegando referentes artísticos ás aulas, co obxectivo de sensibilizar no coñecemento da danza ao mesmo tempo que nos serven de exemplo para as dinámicas propostas.
Aulas Vivas está elaborada pola bailarina e docente Ana Beatriz Pérez; é unha iniciativa de “Cara a unha escena plural”, proxecto de mediación en danza e artes do movemento coordinado por Caterina Varela e Sabela Mendoza, co financiamento da AGADIC Axencia Galega das Industrias Culturais.