rpo
EXPERIENCIAS PROFESIONAIS
NOUTROS TERRITORIOS
Segundo debate online
con Janet Novás,
Diego Anido
e Mikel Aristegui
Sair fóra do mapa habitual é unha das vías de aprendizaxe máis enriquecedoras. No caso das artes escénicas e da danza, ademais, a experiencia profesional pode mudar enormemente duns países a outros, incluso dunhas localidades a outras dentro do mesmo país.
As condicións técnicas, as dinámicas dos espazos, os modos e contextos de traballo, as retribucións económicas… as diferenzas poden chegar a ser tan grandes entre dous teatros ou festivais, que un mesmo espectáculo semelle diferente, ou que unha coreógrafa se sinta unha outra profesional ao saír dun sitio ou outro.
Isto, ademais de requerir unha análise crítica, é sempre unha experiencia valiosa que cómpre compartir para así espallar a aprendizaxe. Podemos levar o bo-facer dun sitio cara outro? Podemos anular o mal-facer a partir do exemplo?
Datas e horario
2 se setembro de 2020
ás 18 horas
Lugar
Evento online a través do
Facebook e do Youtube
de @escenaplural
Neste debate, falaremos de como vive unha profesional das artes vivas na Galicia actual, procurando destacar e poñer en valor que cousas son xenuínas desta comunidade e que cuestións urxe desbotar ou superar. Farémolo a través dun contraste coas dinámicas, contextos e prácticas de outros territorios, da man de tres profesionais cuxas traxectorias pasan por diferentes países, cheas de idas e voltas.
As súas experiencias nos inspirarán a pensar fóra do mapa, para re-imaxinar o territorio coñecido. Unha cita con: Mikel Aristegui, coreógrafo, bailarín e docente asentado en Galicia de orixe vasca que desenvolveu a súa carreira en varias cidades europeas como Berlín; Janet Novás, coreógrafa e bailarina de orixe galega asentada en Madrid con amplo percorrido nacional e internacional; e Diego Anido, creador e intérprete escénico que ten colaborado con diversas compañías e artistas entre Galicia e Barcelona realizando xiras por diversos países.